domingo, 30 de octubre de 2011

Xa empezamos: Coldplay impide que 'Mylo Xyloto' se escoite en Spotify

Hai grupos que se resisten a deixar atrás o tradicional modelo do compact disc de 12 pistas por 18€. Moitas bandas non entenderon aínda que xa son poucos os que poñen un cedé nunha minicadena e sentán no sofá a escoitalo, e menos aínda os que pagan por el o que pide unha discográfica. En lugar de buscar o seu nicho na rede e adaptarse da mellor maneira aos novos tempos -que, de xeito inevitable, chegarán-, aférranse a un sistema que agoniza e que en poucos anos será un negocio case vintage. 

O máis recente -que non último- exemplo atopámolo na decisión que acaba de tomar Coldplay respecto ao seu mediocre último disco, 'Mylo Xyloto'. Apelando á "unidade" e ao "as nosas cancións son para escoitar en conxunto, nun disco" prohibiron a difusión deste no servizo de música en streaming Spotify. O argumento de por si soa respectable; é ben comprensible que un grupo queira que a súa obra se entenda como un todo e non como un conxunto de doce sinxelos sen nexo entre eles, mais se seguimos indagando veremos que en iTunes, 7Digital, e outras tantas tendas dixitais podemos atopar as cancións soltas, a 0'99€ cada unha, esperando a que as adquiramos, e non parece importarlles demasiado que a xente as merque sen facerse co álbum completo. Parece que neste caso, como se di popularmente, os cartos son os cartos.

Cal é o problema, entón? Podemos queixarnos de que Coldplay non sexan claros á hora de expoñer os motivos polos que retiran o seu disco da plataforma de streaming, e probablemente non nos falte razón ao facelo, pero pode que o fallo sexa máis profundo. É Spotify viable e rendible para os grupos? Teñen sentido as modalidades gratuitas do servizo?

A pelota está agora no tellado da multinacional sueca. Buscar maiores ingresos e novas modalidades de pago son cuestións obrigadas. Ofrecer opcións aos grupos para que os seus discos se escoiten tal e como eles queiran, tamén. As solucións existen, abofé que si; só debemos rezar porque non cheguen tarde de máis.

No hay comentarios:

Publicar un comentario