jueves, 16 de mayo de 2013

Franz Ferdinand anuncian novo disco

Vaia! Con estes non contabamos. Franz Ferdinand, que levaban de retiro musical e espiritual desde 2009, afastados das páxinas da prensa musical, sen novo material e dando apenas concertos esporádicos, veñen de anunciar o seu cuarto álbum de estudio. Right Thoughts, Right Words, Right Action, que así se chama o traballo, chegará, se non hai filtracións antes, o 26 de agosto. Unha data pouco habitual, pois as bandas non son nada amigas de sacar novos traballos en verán, mais en Franz Ferdinand case todo é pouco habitual.

O último disco dos escoceses, o desconcertante Tonight, chegaba ás tendas en 2009 rompendo en boa medida co son que até daquela tanto caracterizaba a Franz Ferdinand. Con Tonight déronse aos teclados e aos sintetizadores, deixando atrás as guitarras afiadas dos primeiros discos. O resultado non foi totalmente malo, mais o terceiro disco non tivo nin de lonxe a relevancia dos dous primeiros e extraordinarios traballos nos que asinaron verdadeiros himnos xeracionais, nomeadamente Take me out ou Do you want to.

A nota de prensa da discográfica, Domino Records, afirma que con Right Thoughts, Right Words, Right Action Franz Ferdinand «volven atopar a imaxinación, a vitalidade e a diversión» dos primeiros traballos. Visto o visto e oído o oído, cómpre sermos escépticos, mais sería unha fantástica noticia para a música que así fose. A falta de sinxelo de adianto, a banda ofrece un vídeo ben curto –e non por iso dúas veces bo– que deixa con ganas de máis.

No hay comentarios:

Publicar un comentario