jueves, 25 de abril de 2013

Record Store Day Galicia 2013 e máis...

Ben, o prometido é deuda, dixen que ía escribir e aquí me tedes. 

Hai case un ano celebrouse en Caldas de Reis un festival que trataba de suplir a falta de concertos na edición do Cultura Quente dese ano (este ano tampouco hai, que felicidade!) o seu nome «Ardekaldas»; tranquilos, non vou falar dun concerto do ano pasado, só vou comentar que un grupo me gustou especialmente, Thee Blind Crows, agregueinos ó facebook e agardei a ver se volvían a tocar cerca. O pasado sábado 20 de Abril tiven a oportunidade de velos en vivo, en Vigo. «Por que carallo nos conta a súa vida? Que carallo importará iso?» —vos estaredes preguntando—, importa bastante porque ese concerto celebrouse nunha tenda de discos durante a Record Store Day Galicia 2013.

Cartel para o Record Store Day en Elepé
O Record Store Day é un día celebrado internacionalmente o terceiro sábado de Abril. Neste día únense artistas, fans, tendas de discos para celebrar a arte da música. Neste día multitude de selos e artistas publican material en edición limitada que só se vende nas tendas participantes, nas que se organizan concertos deses mesmos artistas. Por suposto iso non se consigue en Galicia, onde se comezou no 2010 e se lles da protagonismo ás bandas galegas. Neste 2013 sacouse unha tirada de 300 vinilos con 5 temas inéditos de 5 bandas galegas que se vendeu ó módico prezo de 6 euros nas tendas colaboradoras. Dato curioso: Os cartos necesarios para a produción recaudáronse por Verkami. Deixo a páxina na que tendes toda a información.





Iso con respecto ó Record Store Day, pero no título puxen «e máis», non si? Pois ese «é máis» tradúcese por «recomendacións». Vouvos recomendar tres cousiñas, unha tenda de discos e dúas bandas que teñen moito que dicir.

Por xoias como destas seime eu dun que mataba
A recomendación da tenda de discos é bastante obvia: Elepé, unha tenda de discos do máis apañada e con cousas do máis variadas: CDs, vinilos, camisetas, DVDs, videoxogos... Xentiña amable e bo material. Leveime para casa un Reise, Reise por moito menos da metade do que se vende en Amazon.es ou no FNAC. Fallo: ou estou chosco ou non vin nada de Danko Jones, e iso ten delito! Rectifico: Seica estaba chosco, por min mellor, só palabras bonitas a esta tenda.




Querido Extraño en acción.
A primeira banda: Querido Extraño. Dous, de Pontevedra eles. Batería, voz, guitarra, harmónica, tacóns e cascabeis. Entran suaves polo oído, non saen. Animaron á xente (e non só tocando, tamén son un público fantástico) e fixeronnos pasar un bo rato coas súas cancións e algunhas versións do máis interesantes. Fallo: Non teñen disco os moi condenados, inda que me dixo o cantante (un tipo majísimo) que estaban traballando niso.



Véselle que o fan con ganas
A segunda banda: Thee Blind Crows, cal ía ser se non? Se Querido Extraño quentou motores, este dúo pontevedrés (non sei que terá a auga para que saian todos daquí) pisou o acelerador ata as últimas consecuencias. Guitarra, voz e batería; simple e contundente. Pegan con forza pero non doe. Dalo todo no esceario? Sen dúbida, suando, dando chimpos, interactuando co público... e o máis importante: tocando, e tocando moi ben. Se no disco soan ben, en directo son impresionantes. Fallo: As camisetas, que son moi grandes.


Que se só teño iso que recomendar? Lamentablemente si, non puiden estar todo, pero estou seguro de que o resto do grupo tamén pagan a pena. Dende logo anímovos a pasarvos por unha tenda de discos o Record Store Day do ano que vén, ou calquer día.

E se parece que me pagan por facer publicidade: non, que tampouco me pagan por recomendar comics e fágoo igual.

Redención.

No hay comentarios:

Publicar un comentario