miércoles, 19 de septiembre de 2012

Titus Andronicus volven con 'In a big city'

En poucos días remata o verán e coa chegada do outono virán algúns dos discos máis interesantes do ano. O 1 de outubro sairá The 2nd Law, o novo de Muse, do que xa che falamos,  e unhas semanas máis adiante, o próximo 23 de outubro, Titus Andronicus lanzará o seu terceiro disco, Local Business. 
A banda de New Jersey levaba sen publicar novo material dende 2010, cando sorprenderon co fantástico The Monitor, un disco ambientado na Guerra Civil dos Estados Unidos cargado de letras derrotistas, filosóficas e existencialistas, cheo de referencias a historia de América e de rexeitamento á cidade na que lles tocou nacer, que parecen odiar e amar a partes iguais, e cun son punk esaxerado e excéntrico moi acorde coa temática do álbum.
Agora Titus Andrónicus publican 'In a big City' (volven falar de New Jersey?), o primeiro adianto de Local Business, un tema que sona ao máis melódico e harmonioso da banda, que renuncia a parte da crueza e da brutalidade que o grupo levaba por bandeira e que, porén, sona indubidablemente a eles. O 23 de outubro, co álbum completo, saberemos se Titus Andronicus volven máis tranquilos e comedidos ou se, polo contrario, 'In a big city' é só unha excepción.

No hay comentarios:

Publicar un comentario