jueves, 25 de julio de 2013

Un mes para o novo de Franz Ferdinand. Repasamos a súa traxectoria


Posto a escribir un artigo sobre a traxectoria de Franz Ferdinand, o seu sería publicalo inmediatamente antes do lanzamento do novo álbum; unhas horas antes; un par de días, quizáis, para así contextualizar o lanzamento e saborealo tendo en conta a situación da banda, os seus movementos previos. Porén, o certo é que os torrents, Mega, o P2P e os seus secuaces convertiron as datas de lanzamento en prazos meramente orientativos, e semella inevitable que, aínda que Domino –a discográfica– conte con poñer o disco nas tendas o 26 de agosto, o máis probable é que daquela o teñamos escoitado xa algunhas veces. Así, cómpre curarnos en saúde; a previa do disco –esta– chega un mes antes.

O quinto disco de Franz Ferdinand levará por título, como xa che contamos por aquí, Right Thoughts, Right Words, Right Action. Sen pretender ser agoiro, se o traballo non sae ben, que poñan as excusas que queiran, mais non poderán dicir que lles faltou tempo. Alex Kapranos, o líder da banda, leva traballando en Right Thoughts, Right Words, Right Action con, cando menos, extraordinario acougo, desde 2010. O último álbum da banda, Blood –xa falaremos del–, data de 2009. Publicouse de forma case simultánea con Tonight; de feito, Blood foi apenas unha sorte de remix deste último. Antes, Franz Ferdinand xa se tomaran as cousas con calma; entre o segundo e o terceiro disco deixaran pasar catro longos anos. Daquela, o regreso logo do parón deixara máis dúbidas que certezas, e desta volta a historia semella parecida: catro anos lonxe do estudio e moito que demostrar. Desde logo, as expectativas están altas.

O arquiduque e o cabalo de carreiras

Franz Ferdinand nacía en 2001 –aínda que algunhas fontes din que foi un ano máis tarde– en Glasgow, Escocia. Aquel ano triunfaban na MTV –cómpre lembrar para os máis novos que adoitaba poñer música– os discos de The White Stripes (White Blood Cells), The Strokes (Is this it) ou Muse (Origin of Symmetry). Nos Estados Unidos de América, Bush tomaba posesión como presidente. Silvio Berlusconi e Tony Blair facían o propio en Italia e Reino Unido. Apple lanzaba en outubro o iPod –uns meses antes OS X–, e Microsoft o aínda supervivente Windows XP. A estación espacial MIR caía no Oceano Pacífico. Os Países Baixos convertíanse no primeiro país en aprobar o matrimonio homosexual. O 15 de xaneiro nacía a Wikipedia e, uns días antes, chegaba o novo milenio.

En 2003, Alex Kapranos (guitarra e voz), Nick McCarthy (guitarra), Bob Hardy (baixo) e Paul Thomson (batería) lanzaban con Domino Records o moderadamente exitoso EP Darts of Pleasure, xa baixo o nome de Franz Ferdinand. Para a denominación, de orixe tan peculiar como a propia formación, serviu de inspiración un cabalo de competición chamado «O Arquiduque». Daquela os membros da banda debatiron a posibilidade de chamárense «Arquiduque Franz Ferdinand» na honra de Francisco Fernando, o arquiduque de Austria cuxa morte disparou a Segunda Guerra Mundial. Finalmente, optaron por prescindir do título nobiliario.

Franz Ferdinand

En 2004 chegaba o debut en longo, homónimo e hiperactivo de Franz Ferdinand no medio de non pouca expectación. O hype, a especialidade británica. NME profetizaba a nacenza dunha «nova era» para a música das illas. Para a BBC era unha «obra mestra». En Uncut e The Guardian o disco recibiu un 10 sobre 10.

Con todo, o certo é que esta vez non se trataba só, como tantas outras veces antes e despois, das fantasías chauvinistas da prensa musical británica; para Pitchfork o disco foi merecedor dun 9,1. Para Alternative Press, un 10. Los Angeles Times, 8,8. O debut de Franz Ferdinand arrasaba alí onde chegaba.

Pódense encher bastantes liñas máis citando críticas positivas e algún que outro parágrafo mencionando os premios que recolleron en 2004, mais para iso está Wikipedia. Alén de recoñecementos, con Franz Ferdinand a banda poñía os alicerces dun estilo hoxe sobradamente recoñecido e identificable. Desde logo, sen enxeñar nada revolucionario, citando sen reservas a Duran Duran, Blur ou até The Beatles, Franz Ferdinand forxaban un son único, de guitarras bailables e pegadizas e letras ben prosaicas ("it's so much better on holiday", "I'm so drunk I don't mind if you kill me", "we need the money") e unha imaxe, cando menos, peculiar. De Franz Ferdinand trascendeu os muros da música alternativa Take me out, o probablemente gran single da banda e unha sorte de himno xeneracional para moitos.

You Could Have It So Much Better

Os ingredientes do segundo longo da banda son, en boa medida, os mesmos de Franz Ferdinand. De feito, un dos poucos males que se poden imputar a You Could Have It So Much Better (2004) é o da monotonía; Alex Kapranos canta sensiblemente mellor e estamos ante un disco de guitarras probablemente máis afiadas e agresivas, e até aí as diferenzas salientables. Polo demais, You Could Have It So Much Better podería ser a segunda parte de Franz Ferdinand: o son de sempre, unha estética moi semellante e apenas un ano e medio de separación.

A crítica non acolleu con tanto entusiasmo esta obra mais para o que escribe non se trata de unha obra inferior en calidade. De feito, en You Could Have It So Much Better atópanse tres dos temas máis recoñecibles da banda, como son The Fallen, Do You Want To ou Outsiders. Porén, o son Franz Ferdinand comezaba a resultar repetitivo e, despois de You Could Have It So Much Better a banda afastouse do estudio –que non dos escenarios– na procura de inspiración. Durante cinco anos.

Tonight: Franz Ferdinand

Volveron en 2009 con Tonight: Franz Ferdinand. O adianto do disco, Ulysses, deixaba claro que non estabamos ante os Franz Ferdinand de sempre. A cuberta, de estética radicalmente distinta –menos peculiar–, viña confirmalo. Para o terceiro disco de estudio Franz Ferdinand afastábanse prudentemente das guitarras por primeira vez para facer un sutil achegamento aos teclados e sintetizadores.

Tonight: Franz Ferdinand é un álbum peor que os anteriores. Para moitos, basante peor. Para algúns, moito. Con todo non é un mal traballo –falaremos a continuación de traballos malos–, mais a aproximación á electrónica mata a hiperactividade e a efusividade que caracterizaban a banda. Destacan Ulysses, No You Girls, Bite Hard ou What She Came for. Sálvanse Turn It On ou Katherine Kiss Me. O resto, entre mediocre e malo.

Blood: Franz Ferdinand

De xeito deliberado prestaremos pouca atención ao cuarto traballo de estudio de Franz Ferdinand. Se Tonight: Franz Ferdinand representa o achegamento –con moderación– da banda ás pistas de baile, Blood: Franz Ferdinand é a aposta dos escoceses para conquistar a discoteca, un álbum de remixes premeditadamente electrónico. En Blood: Franz Ferdinand a banda entrégase aos sintetizadores para versionar Tonight: Franz Ferdinand. Visto o resultado, convén esquecermos o experimento.

Con Blood: Franz Ferdinand pechábase a etapa máis electrónica da banda, seguida dun afastamento do estudio que chega aos nosos días. Porén, non se pode dicir que fora unha época de descanso: a banda non deixou de dar concertos –estiveron en Barcelona en 2012–, Nick McCarthy lanzou o seu segundo disco en solitario e Alex Kapranos escribiu un libro e, desde logo, non deixou de compoñer.

Right Thoughts, Right Words, Right Action

Como che contamos no seu momento, o 26 de agosto chegará Right Thoughts, Right Words, Right Action, o máis que esperado quinto disco de Franz Ferdinand. Cando se anunciou o álbum, hai varios meses, a discográfrica aseguraba que a banda «volve atopar a imaxinación, a vitalidade e a diversión» dos primeiros traballos. Ogallá.

Franz Ferdinand publicaron dous adiantos do traballo: Right Action e Love Illumination. A primeira, sensiblemente mellor que a segunda, é de xeito oficioso o single de adianto do álbum, é conta cun vídeo –de estética moi Franz Ferdinand– que podes ver a continuación. 


Right Thoughts, Right Words, Right Action servirá para comprobar se o de Tonight Blood foi un baixón puntual ou o comezo dunha caída libre. Saberémolo en, probablemente, poucos días. Até daquela, non parece mal plan ver a actuación de Franz Ferdinand no Live on Letterman, na que presentan varios temas que formarán parte de Right Thoughts, Right Words, Right Action e que non soan nada mal.

(E un apuntamento final: se queres notificacións cando se filtren os álbumes que che interesen Has It Leaked? é unha excelente ferramenta)

No hay comentarios:

Publicar un comentario