martes, 13 de noviembre de 2012

Beady Eye preparan o seu segundo disco

Beady Eye, a banda formada por ex-membros de Oasis, está a preparar a continuación de Different gear, still speeding, o seu primeiro disco. Segundo anuncian na súa páxina web, o pasado 12 de novembro comezaron as gravacións deste novo traballo que por agora non ten nome nin data prevista de lanzamento, aínda que o máis probable é que chegue, se hai sorte, durante a primeira metade de 2013.
Desde a separación de Oasis, en 2009, os irmáns Gallagher lideran cadanseu proxecto musical. Noel Gallagher lanzou un fantástico disco en 2011, Noel Gallagher's High Flying Birds, coa súa banda homónima. A banda de Liam, Beady Eye, lanzou o seu debut, Different gear, still speeding, á venda en 2011. O disco de Noel Gallagher, que chegou uns meses máis tarde, obtivo moito máis éxito e unha repercusión moito maior que o de Beady Eye, o que non deixa de ser curioso pois en Beady Eye militan boa parte dos membros que levaran á fama a Oasis. Noel Gallagher's High Flying Birds foi unha sorte de reivindicación persoal por parte de Noel, para moitos o máis talentoso dos Oasis, mais agora a banda de Liam ten unha segunda oportunidade para reclamar o seu lugar no pop británico.
O produtor do álbum será Dave Sitek, guitarrista de TV on the radio, unha sorprendente elección, pois o norteamericano gusta de traballar en sons electrónicos. Gardarán Beady Eye algunha sorpresa? Para comprobalo e ver que tal funciona a combinación teremos que agardar apenas uns meses.

No hay comentarios:

Publicar un comentario