lunes, 8 de octubre de 2012

Blur estarán no Primavera Sound 2013


Notición. Se hai uns meses Blur presentaban dúas novas cancións no medio de rumores de separación ou descanso ('Non haberá máis Blur', chegou a asegurar Damon Albarn), agora a organización do Primavera Sound sorpréndenos confirmando a presenza da banda británica nas edicións portuguesa e catalá do festival como, presumiblemente, cabezas de cartaz. Nas últimas semanas víñase falando da posibilidade de que o Primavera Sound confirmase a un grupo de grande nivel e escoitábanse rumores dunha posible reunión de The Smiths, mais polo de agora Blur é a única banda confirmada.
O grupo actuará no Porto a noite do 31 de maio, mentres que a data en Barcelona será xusto unha semana antes, o venres 24. Estas datas son exclusivas para a península ibérica, é dicir, non haberá máis concertos de Blur en España ou Portugal no próximo ano.
O festival celebrarase no Porto entre o 30 de maio e o 2 de xuño e en Barcelona entre o 22 e o 26 de maio. O prezo dos abonamentos será de 80€ na versión portuguesa do festival e 145€ na catalá. Tendo en conta a volatilidade da formación, que atendendo ás declaracións dos seus membros ben podería desaparecer definitivamente dun día para outro, a data debería ser ineludible para os fans da banda, que estamos de noraboa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario