viernes, 29 de junio de 2012

Blur presentarán dúas cancións inéditas en Twitter

Hai tempo que parece que Blur non saben se suben ou baixan, se veñen ou se van. Uns días o líder da banda, Damon Albarn, di que non haberá máis Blur (nin Gorillaz) e días despois asegura o contrario e anuncia unha mini-xira polo Reino Unido. Os xenios teñen un punto de tolos que os fai case incomprensibles para o resto do mundo e Albarn non ía ser menos, pero se se entende el é máis que dabondo.
A historia da volta ou non volta de Blur aínda terá moitos máis capítulos e tardaremos en coñecer o desenlace, pero os que soñan co regreso dos ingleses están a recibir boas noticias, a última a do lanzamento de dous novos temas inéditos que, asegura Damon Albarn, teñen moitas ganas de tocar en directo.
As cancións, The Puritan e Under the westway serán presentadas nun webcast en directo a través de, aseguran, Twitter, durante a tarde do próximo 2 de xullo. Ata onde sei é o primeiro grupo que utiliza a rede social para presentar novos temas, haberá que ver que tal o fan. Polo pronto deberías seguir o perfil da banda en Twitter dende o que van avanzando novos datos a diario.
Os dous temas estarán dispoñibles para a súa descarga despois da emisión en directo, e sairán en formato físico máis adiante.
Blur están, máis ou menos, de volta. A ver se dura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario