Blogue musical, centrado na música rock, pero cun punto de vista moi amplo que vai falar dos estilos de música e todo o que mereza a pena ser mostrado e escoitado.
miércoles, 25 de abril de 2012
Atlántico - Xoel López
Era o ano 2008 cando, na Coruña, Deluxe celebraba o seu anunciado concerto de despedida. Aquel foi un repaso por toda a súa carreira, un espectáculo de preto de tres horas no que, cando se achegaba o final, Xoel se aproximou ao público, que enchía o Expocoruña, para nos preguntar se tiñamos algunha petición en concreto, algunha canción que escoitar en directo por última vez baixo a marca 'Deluxe'. Esta despedida resultou non ser tan definitiva, pois Xoel segue tocando as cancións que compuxera na súa etapa anterior, e non foi ata hai uns días cando nos chegou o primeiro disco post-Deluxe.
Xoel viña navegando nos últimos anos por unha chea de estilos, dende o rock directo ata o pop máis intimista; en inglés e en castelán; el só ou coa súa banda… Unha serie de experimentos que xa no seu momento deron bo resultado para crítica e público e que axudan a entender este Atlántico (2012, Esmerarte).
Por Xoel non só pasou o tempo, tamén pasaron os lugares. Ao escoitar Atlántico un non pode evitar que a súa mente se vaia a Sudamérica, onde Xoel pasou os últimos anos, lonxe da Coruña que o veu medrar, ao outro lado do océano que dá nome ao álbum. As letras do disco son en boa parte crónicas de viaxe, contos de morriña e cantos ao paso do tempo. Se entendemos o arte como a expresión pura e sincera do sentir profundo, libre de ataduras e compromisos, Xoel alcanza o estatus de artista no seu sentido máis estricto neste álbum.
El di que marchou por amor e porque Madrid, onde vivía antes, lle resultaba agobiante. O certo é que esta viaxe por medio mundo ten como resultado un debut en solitario moi notable. Os temas que fixeron as veces de adianto, Hombre de ninguna parte e Tierra, son un reflexo preciso do estilo que caracteriza o álbum; unha sorte de pop latino no que as letras levan tanto ou máis protagonismo que a melodía, de constantes coros e algunhas guitarras eléctricas que aparecen para romper a homoxeneidade, que non monotonía, do álbum.
Atlántico é un disco equilibrado e maduro, que non provocará ningunha revolución nin sentará as bases da música do futuro, pero que supón, en tódolos aspectos, unha experiencia moi agradable para os oídos. Se che pica a curiosidade, escoita Buenos Aires, La gran montaña, Postal de Nueva York ou La boca del volcán, para min as mellores, e déixate levar por un disco que nos trae o mellor dous mundos ata agora separados por un océano.
Por agora iTunes e o web de Xoel teñen a exclusiva dixital do disco, pero é probable que en poucos días chegue a Spotify e ao resto de plataformas.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario